Celebración do Día Nacional de Galicia en Rianxo

O día 25  de xullo celebramos en Rianxo un novo Día Nacional de Galicia coa ofrenda floral a Castelao. Nesta ocasión estiven con Mari Carmen Figueira e o expresidente Emilio Pérez Touriño, quen recordou a figura de Castelao e a súa loita pola dignidade e a lingua de Galicia, pero tamén falou da difícil tarefa que temos por diante para ampliar liberdades e democracia. e facer unha Galicia máis grande.

Foi un día para celebrar o orgullo de ser galegos pero tamén para amosar o respaldo ás vítimas do accidente de Angrois.

Porque traballar pola xente, polos galegos e galegas  é o que nos distingue aos socialistas galegos.

Galicia é a nosa causa e o que nos move. É ente e é xente. Queremos unha Galicia de futuro, de vangarda, que dea oportunidades para todos e todas.A edición do Barbanza de La Voz de Galicia recollía así o acto.

Neste día, os e as socialistas de Galicia facemos 5 propostas para que cambie a vida dos cidadáns da nosa comunidade:

-Fronte ao PP dos recortes e a deterioración da sanidade, o compromiso socialista cunha sanidade pública, gratuíta e de calidade.

-Fronte a un PP que abandona ao medio rural, os socialistas avogamos polo equilibrio do territorio e o desenvolvemento dos concellos pequenos.

-Fronte a un PP que desmantela as políticas sociais e de dependencia, os socialistas queremos dereitos sociais e igualdade de oportunidades para tod@ s os galegos e as galegas.

-Fronte a un PP que deixa unha Galicia sen oportunidades de futuro e sen calidade no emprego, os socialistas requirimos salarios dignos e negociación colectiva.

-Fronte ao declive demográfico de Galicia, os socialistas apostamos por políticas económicas que dean posibilidades de vida á nosa mocidade.

A edición do Barbanza de La Voz de Galicia recollía así o acto:

 

Sen xente nova, Galicia perde

Un país que se queda sen xente nova non é un país que vaia ben. Nin que poida garantir a sustentabilidade do seu modelo a longo prazo.

Se non cambiamos, a Galicia do século XXI terá menos xente e, en todo caso, máis maior. As taxas de natalidade e fecundidade son especialmente baixas e, a medida que a pirámide se invirta, as galegas terán máis anos e menos capacidade de ter fillos. Mentres, é moita a xente nova que busca o futuro fóra do país, polo que nacen moitos menos nenos en Galicia que hai pouco tempo.

Por iso necesitamos un impulso demográfico en clave de país para as próximas décadas, e isto non se pode arranxar simplemente cunha lei. Fai falla diagnóstico e visión estratéxica para mudar a evolución demográfica, e aí a política vai ter que xogar un papel clave como factor de cambio do modelo económico, social e laboral. Ou cambiamos, ou perecemos.

Temos que apostar por outro modelo económico e social, que estea ao servizo da cidadanía e que incentive a natalidade, valorando (e primando) socialmente o feito de ter fillos. Trátase dun modelo económico e laboral que posibilite economicamente á cidadanía ter descendencia, e de tomar decisións políticas que favorezan a natalidade.

Haberá que asumir que ter fillos é unha necesidade para o futuro do país, pero para iso temos que impulsar un modelo económico e laboral que permita emprego e salarios dignos, e tamén políticas sociais que apoien decididamente a quen teñen fillos. En definitiva, para un impulso demográfico necesitamos política económica activa, política de medio rural e políticas sociais que favorezan que a xente nova se poida quedar en Galicia e ter fillos en condicións dignas, e contar cun estado do benestar que apoie esa decisión cos servizos públicos.

Necesitamos un novo modelo económico e social para unha Galicia máis dinámica, tamén no eido demográfico. Unha Galicia con futuro permitirá aos máis novos quedar no país e ter fillos, e incluso abrirse a xente nova doutros países ou doutras zonas de España. Para que en Galicia haxa futuro.

_________________________________

*Artigo publicado en La Voz de Galicia o 26/02/2018

Suso Mosquera, un exemplo

Un país faise co impulso e o compromiso da súa xente. E Suso Mosquera fixo país en Galicia a través do seu compromiso cos dereitos e a defensa dos intereses dos traballadores. Cando ese compromiso perdura durante décadas e se fai constante coa vocación de loitar polas causas xustas, merece o recoñecemento de todos.

Durante 25 anos, Suso foi secretario xeral da Unión Xeral de Traballadores en Galicia, e ao sindicato dedicoulle vida e esforzos. Nunha Galicia con desemprego estrutural, con salarios e pensións máis baixos que na media do Estado, cunha fenda salarial entre homes e mulleres, precariedade laboral… Necesitamos compromiso e políticas polo emprego de calidade. E cando o traballo sindical non recibe a valoración social que merece, Suso é e será recoñecido como un sindicalista de referencia, con capacidade e compromiso social, dos que son tan necesarios.

Tamén o PSdeG-PSOE foi a súa casa. Falei con el no outono pasado para lle agradecer o apoio que me deu nas primarias galegas, e logo invitámolo para que falase na apertura do Congreso Nacional Galego dos socialistas, a modo de recoñecemento á súa figura. Pero naqueles intres xa non estaba para iso e non puido acudir ao congreso como tradicionalmente facía.

Hoxe os socialistas galegos recoñecemos a figura de Suso Mosquera. O seu compromiso, o seu traballo, os seus valores, tamén reflectidos na Fundación Luís Tilve. Galicia despide hoxe a un defensor dos traballadores e das traballadoras galegas, e iso recoñecémolo todos, porque este é un pobo de traballador@s.

__________________________

*Texto publicado en La Voz de Galicia o 14/02/2018