Sen xente nova, Galicia perde

Un país que se queda sen xente nova non é un país que vaia ben. Nin que poida garantir a sustentabilidade do seu modelo a longo prazo.

Se non cambiamos, a Galicia do século XXI terá menos xente e, en todo caso, máis maior. As taxas de natalidade e fecundidade son especialmente baixas e, a medida que a pirámide se invirta, as galegas terán máis anos e menos capacidade de ter fillos. Mentres, é moita a xente nova que busca o futuro fóra do país, polo que nacen moitos menos nenos en Galicia que hai pouco tempo.

Por iso necesitamos un impulso demográfico en clave de país para as próximas décadas, e isto non se pode arranxar simplemente cunha lei. Fai falla diagnóstico e visión estratéxica para mudar a evolución demográfica, e aí a política vai ter que xogar un papel clave como factor de cambio do modelo económico, social e laboral. Ou cambiamos, ou perecemos.

Temos que apostar por outro modelo económico e social, que estea ao servizo da cidadanía e que incentive a natalidade, valorando (e primando) socialmente o feito de ter fillos. Trátase dun modelo económico e laboral que posibilite economicamente á cidadanía ter descendencia, e de tomar decisións políticas que favorezan a natalidade.

Haberá que asumir que ter fillos é unha necesidade para o futuro do país, pero para iso temos que impulsar un modelo económico e laboral que permita emprego e salarios dignos, e tamén políticas sociais que apoien decididamente a quen teñen fillos. En definitiva, para un impulso demográfico necesitamos política económica activa, política de medio rural e políticas sociais que favorezan que a xente nova se poida quedar en Galicia e ter fillos en condicións dignas, e contar cun estado do benestar que apoie esa decisión cos servizos públicos.

Necesitamos un novo modelo económico e social para unha Galicia máis dinámica, tamén no eido demográfico. Unha Galicia con futuro permitirá aos máis novos quedar no país e ter fillos, e incluso abrirse a xente nova doutros países ou doutras zonas de España. Para que en Galicia haxa futuro.

_________________________________

*Artigo publicado en La Voz de Galicia o 26/02/2018