Suso Mosquera, un exemplo

Un país faise co impulso e o compromiso da súa xente. E Suso Mosquera fixo país en Galicia a través do seu compromiso cos dereitos e a defensa dos intereses dos traballadores. Cando ese compromiso perdura durante décadas e se fai constante coa vocación de loitar polas causas xustas, merece o recoñecemento de todos.

Durante 25 anos, Suso foi secretario xeral da Unión Xeral de Traballadores en Galicia, e ao sindicato dedicoulle vida e esforzos. Nunha Galicia con desemprego estrutural, con salarios e pensións máis baixos que na media do Estado, cunha fenda salarial entre homes e mulleres, precariedade laboral… Necesitamos compromiso e políticas polo emprego de calidade. E cando o traballo sindical non recibe a valoración social que merece, Suso é e será recoñecido como un sindicalista de referencia, con capacidade e compromiso social, dos que son tan necesarios.

Tamén o PSdeG-PSOE foi a súa casa. Falei con el no outono pasado para lle agradecer o apoio que me deu nas primarias galegas, e logo invitámolo para que falase na apertura do Congreso Nacional Galego dos socialistas, a modo de recoñecemento á súa figura. Pero naqueles intres xa non estaba para iso e non puido acudir ao congreso como tradicionalmente facía.

Hoxe os socialistas galegos recoñecemos a figura de Suso Mosquera. O seu compromiso, o seu traballo, os seus valores, tamén reflectidos na Fundación Luís Tilve. Galicia despide hoxe a un defensor dos traballadores e das traballadoras galegas, e iso recoñecémolo todos, porque este é un pobo de traballador@s.

__________________________

*Texto publicado en La Voz de Galicia o 14/02/2018